A artista Luisa Álvarez (Madrid-Ourense, 1974) realizou na noite do domingo 3 de agosto unha instalación no cemiterio deseñado por César Portela no Cabo Fisterra. A obra consiste en estruturas metálicas en forma de cruz ribeteadas con neón.
A instalación comezou ás 21,00h e mantívose ata ben pasada a media noite. As cruces iluminaron o deseño do arquitecto César Portela, proxectado no ano 1998 e que hoxe, 20 anos despois e en estado de abandono, continúa sen exercer a funcionalidade para o que foi concibido. Precisamente o campo santo funciona como significante baleiro, pois non é propiamente cemiterio, ao non poder acoller fenecidos. Do momento no que triunfaba a arquitectura de marca e a administración financiaba obras non sempre entendidas pola cidadanía e as veces vistas como un certo despilfarro de diñeiro público, tal espazo ampara, logo, a santidade dunha arte que, precisamente, desacraliza a propia arte, ligándose, ademais, coa tradición da crítica institucional.
Así, o neón, empregado dende a década dos 20 do século pasado como reclamo publicitario, no inicio da sociedade e da comunicación de masas, invita a entrar, a través desta acción, no lugar, baleiro. Ademais, as cruces da instalación de Luisa Ávarez funcionan como duelo explícito polos lumes reiterados, a degradación ambiental e, en xeral a dinámica autodestructiva do sistema.
A artista, invitada na Casa das Peritas, espazo expositivo de Mallas (Fisterra), traballa o neón, material característico da posmodernidade temperá. Con el, e seguindo a lóxica postindustrial e do espectáculo, adoita evidenciar a era do significante baleiro. Así, unha chave de sol, un emoticono ou un guau, guau! serven para que a artista articule e mostre o significado flotante, máis que a radical falta de sentido.
A Casa das Peritas, lugar de produción e exhibición artística, expón ata o 2 de Setembro outras instalacións da artista, que combinan o material con objet trouvé, que dialogan coas pinturas de Natasha Lelenco. Lelenco (Chisinau-Moldavia, 1982) propón a serie denominada Iconos Familiares, na que se aproxima dende unha perspectiva crítica e analítica ás subxectividade que a institución familiar segue a xerar na contemporaneidade.
O espacio abre portas aos visitantes os venres, sábados e domingos, de 12:00h a 14:00h ata o 2 de setembro, e tamén baixo cita concertada en calquera outro horario chamando ao 630753448.